Que din os programas para as eleccións galegas sobre un futuro sen carbón?

Published by xose on

(9 de xullo de 2020). Desde a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” lanzamos dúas demandas moi concretas ás candidaturas que se presentan ás eleccións ao Parlamento galego que se celebran o 12 de xullo. En que medida as asumiron nos seus programas electorais?.

As dúas medidas defendidas pola nosa plataforma, integradas ademais no Decálogo polo Clima proposto polo Movemento Galego polo Clima ante as próximas eleccións autonómicas, son as seguintes:

Apoiar a solicitude de peche de Endesa para a central de carbón das Pontes (no segundo semestre de 2021) e rexeitar totalmente a co-combustión de carbón e lodos de depuradora ou calquera outro tipo de residuos orgánicos como alternativa para a continuidade desta central máis alá de 2021. Xunto con Endesa e o resto das Administracións, a Xunta colaborará na implementación dun Convenio de Transición Xusta para a área de influencia socioeconómica da térmica das Pontes.

Aumentar a ambición da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía de forma que procure un obxectivo de redución das emisións territoriais de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) do 65% en 2030 con respecto a 1990, para acadar a meta de emisións netas cero en 2040. Para contribuír a esa meta, a política enerxética autonómica procurará un sector eléctrico 100% renovábel en 2030, a máis tardar. Con esa finalidade, promoverase o peche das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa), unha forte redución do consumo de enerxía e o desenvolvemento das enerxías renovábeis, de forma respectuosa coa natureza e con protagonismo da cidadanía.

Dúas candidaturas incorporan aos seus programas as nosas propostas a prol da descarbonización

Como fixemos no seu día con motivo das últimas eleccións europeas e das eleccións xerais celebradas en abril de 2019, avaliamos o compromiso das principais candidaturas coas propostas que divulgamos con motivo das vindeiras eleccións autonómicas.

Mesmo a pesar da forte caída da súa actividade , a central de carbón de Endesa nas Pontes volveu ser en 2019 o maior foco emisor de gases de efecto invernadoiro en Galicia.

A avaliación dos programas electorais para as eleccións xerais de abril de 2019 (repetidas en novembro do mesmo ano cos mesmos programas) foi especialmente negativa. Todas as forzas políticas coincidiron en non comprometerse coa defensa dun calendario de peche obrigatorio da central de carbón das Pontes en 2025, a máis tardar (tampouco quixeron comprometerse coa defensa dun peche a máis longo prazo).

Felizmente, e como aconteceu coa central de Meirama (580 MW), que vén de pechar, a realidade foi moi por diante da ambición climática dos partidos. A día de hoxe, semella próximo o peche de dous dos catro grupos da central de carbón das Pontes, cada un dos cais ten uns 350 MW de potencia. Para os outros dous está aínda sobre a mesa a “alternativa” da co-combustión de carbón e residuos orgánicos, defendida até agora pola Xunta, o Parlamento galego e o Goberno estatal. Recentemente, anunciouse a realización de novas probas de combustión de mesclas de carbón e residuos orgánicos a partir da segunda quincena deste mes.

Nesta ocasión, os resultados da nosa avaliación foron menos negativos que os efectuados en eleccións anteriores. Dúas das nove candidaturas analisadas (entre as que se encontran as máis significativas por apoio electoral) incorporaron aos seus programas as propostas formuladas pola plataforma “Galiza, un futuro sen carbón”. Son Equo e Marea galeguista.

Se queres saber máis, descarga e le a nosa avaliación: