O Parlamento galego teima na irresponsábel defensa da central de carbón das Pontes

Published by xose on

(3 de febreiro de 2020). A plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” rexeita o acordo do Parlamento galego que pide ao Goberno español a paralización da tramitación da solicitude formal de peche da central de carbón das Pontes, presentada por Endesa o pasado 27 de decembro (1).

O apoio reiterado do noso Parlamento a unha das maiores fábricas europeas de crise climática desoe as advertencias da comunidade científica e as demandas da grande mobilización climática do 27-S.

O Parlamento e a Xunta aférranse ao carbón

No pleno do Parlamento celebrado o 29 de xaneiro aprobouse unha proposición non de lei (PNL) presentada polo PP na que se esixe ao Goberno de España que non acepte “a tramitación do expediente de peche presentado pola empresa ata que conclúan as probas con distintas mesturas de combustibles e existan alternativas viables para o mantemento do seu emprego”. A proposición contou co voto favorábel de PSdG-PSOE e BNG, mentres os grupos Común da Esquerda (Anova, EU, Podemos) e Mixto (En Marea) votaron en contra.

Este acordo súmase a outro adoptado o 11 de setembro de 2019, tamén cos votos a favor de PP, PSdG-PSOE e BNG, no que se pedían axudas e exencións fiscais estatais á queima de carbón e biomasa forestal na central das Pontes, co obxectivo de favorecer a súa continuidade indefinida.

En lugar de tentar obstaculizar o peche da industria máis contaminante e insustentábel da nosa terra, en principio previsto para 2022, tódalas institucións e forzas políticas deberían recuperar o tempo perdido na planificación dunha transición xusta.

O peche da central térmica de carbón das Pontes é a medida máis importante que podemos adoptar hoxe na nosa terra para loitarmos contra a emerxencia climática.

As razóns esgrimidas pola maioría parlamentaria para paralizar a tramitación do peche da central das Pontes son escusas desesperadas de quen negaron sempre a necesidade urxente de pór fin ao carbón, o combustíbel fósil que máis contribúe á emerxencia climática global.

A co-combustión de carbón e lodos de depuradora é antiecolóxica

O que o acordo do Parlamento denomina eufemisticamente “probas con distintas mesturas de combustibles” non é outra cousa que a co-combustión de carbón e residuos orgánicos (referidos tamén como “biomasa” ou “biocombustíbeis”).

Polo que ten trascendido, os residuos a queimar xunto co carbón serían, cando menos maioritariamente, lodos de depuradoras de augas residuais. A co-combustión, amais de seguir a empregar o carbón como combustíbel, é unha opción claramente antiecolóxica que debería ter sido xa descartada definitivamente, sen necesidade de máis probas cuxos resultados non se están a facer públicos.

A posibilidade de queimar lodos nin sequera é mencionada nos documentos de planificación ao respecto da xestión destes residuos aprobados pola propia Xunta (Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022, Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030) (2).

Cómpre negociar canto antes un Convenio de Transición Xusta

Por outra banda, demandar unha transición xusta sen pedir e sen querer definir un calendario de peche da central de carbón das Pontes resulta absurdo.

Adoptar xa unha decisión firme sobre o peche a curto prazo da térmica das Pontes é condición necesaria para poder planificar seriamente unha verdadeira transición xusta que non deixe desprotexidas as familias afectadas polo peche da central térmica (3). Para iso, cómpre negociar e concretar canto antes un Convenio de Transición Xusta, figura xa prevista a nivel estatal no Marco Estratéxico de Enerxía e Clima.

Notas

  1. http://www.parlamentodegalicia.es/Actualidade/3076/proposicions-non-de-lei-aprobadas-polo-pleno-do-parlamento-de-galicia-o-29-de-xaneiro-de-2020/
     
  2. O Programa de xestión de lodos de depuración de augas residuais (Programa 10 do Plan de Xestión de Residuos Industriais) aposta pola valorización material (elaboración de fertilizantes, tecnosolos e uso directo agrario), cun obxectivo de     máis do 97%, así como pola biometanización, para o tratamento de menos do 3%. A combustión nin se cita.     
     
  3. Aínda que Endesa presentou xa unha solicitude formal de peche, resérvase o dereito de desestimento da súa solicitude, para todos ou para parte dos catro grupos que constitúen a central de carbón das Pontes, a central térmica española de maior potencia. Tal desestimento produciríase no caso de que, como resultado das probas adicionais de co-combustión, considerase viábel, en termos de rendibilidade económica, a continuidade da central.