Lei do clima de Galicia
(22 de marzo de 2022). Presentamos achegas á consulta previa da futura lei galega do clima, unha oportunidade para elevar a insuficiente ambición climática da Xunta. A presente década é crucial para a mitigación da crise climática.
Obxectivo 1,5 ºC
A emerxencia climática reclama unha ambición política moito maior en materia de recorte das emisións galegas dos gases causantes de cambio climático.
Demandamos que os obxectivos e medidas da futura lei galega de cambio climático estean en liña coa meta de evitar un quecemento global superior a 1,5 graos. Para iso, é necesario eliminar a maioría das emisións de gases de invernadoiro xa durante a presente década.
-65% de emisións de GEI antes de 2030
Propomos que a lei do clima de Galicia fixe un obxectivo de redución das nosas emisións territoriais de gases de efecto invernadoiro (GEI) de polo menos o 65% para o ano 2030, a acadar de forma progresiva, tomando como base de cálculo o ano 1990.
Tamén cómpre adiantar a consecución da neutralidade climática a 2040, cunha redución das emisións de polo menos o 90%.
O obxectivo actual da Xunta para 2030 é de tan só -24,6%. O colapso da produción eléctrica con carbón, non desexado pola Xunta, xa o atinxiu con dez anos de anticipación. A finais do ano pasado a Xunta anunciou que o aumentará até -55%.
Sector eléctrico 100% renovábel antes de 2030
Para facer posíbel a senda de redución das emisións necesaria é prioritaria a descarbonización total do sector eléctrico antes de 2030.
A central de carbón das Pontes cesará a súa actividade en 2022, segundo o previsto por Endesa. A lei do clima debera definir un plan de ruta para o peche ao longo da presente década das centrais de ciclo combinado de gas fósil das Pontes (Endesa) e Sabón (Naturgy).
A futura lei é un marco adecuado para definir un calendario para o abandono do gas fósil na xeración eléctrica, como tamén o entendeu o Parlamento das Illas Baleares. A Lei balear 10/2019, de 22 de febreiro, de cambio climático e transición enerxética, establece, na súa disposición adicional cuarta, un plan de ruta para o peche ou transformación das centrais eléctricas fósiles situadas en territorio balear. Promóveno as institucións autonómicas en colaboración, no seu caso, coa Administración Xeral do Estado e o operador do sistema eléctrico.
Planificación enerxética galega
A lei do clima debería impulsar unha planificación enerxética real para Galicia, que contabilizase diferentes escenarios de consumo e xeración enerxética para os vindeiros anos, con revisións periódicas, que especificase canta enerxía se vai necesitar, como e onde se vai producir e quen a poderá xerar.
Tamén é preciso determinar obxectivos claros de redución de emisións e transición xusta para os diferentes sectores.