Carbón e cambio climático

O carbón é o maior inimigo do clima

A queima de carbón é a maior causa de cambio climático no mundo. Carbón e crise climática están intimamente ligadas.

Segundo o Carbon Global Project, o 40% das emisións de dióxido de carbono (CO2) de orixe fósil débense á combustión de carbón (2021, proxección).

Despois do petróleo, o carbón é a primeira fonte de enerxía. E segue a ser o combustíbel máis usado para a xeración eléctrica. A pesar de ser o máis intensivo en emisións de CO2 , o principal gas de invernadoiro.

As centrais térmicas de carbón son os maiores focos emisores de CO2. Por iso, son enormes fábricas de cambio climático.

Para atinxir o obxectivo do Acordo de París de limitar o aumento da temperatura global a moi por debaixo de 2ºC, cómpre acelerar o fin do carbón. En 2030 xa debería terse reducido o uso do carbón en polo menos dous terzos a escala mundial. E totalmente nos estados desenvolvidos.

O carbón determinou até hai pouco as emisións de gases de invernadoiro en Galicia

Con dúas térmicas de carbón, Galicia foi un dos territorios de España e da UE con maior capacidade de produción eléctrica con carbón até 2020.

A térmica de Meirama, propiedade de Naturgy (antes Gas Natural Fenosa), cesou a súa actividade en 2020, mentres que a central de carbón das Pontes, en mans de Endesa, ten prevista a súa desconexión da rede eléctrica en 2022.

Foron decisións empresariais, motivadas pola falta de rendibilidade e perspectivas de futuro destas centrais perante prezos elevados da tonelada de dióxido de carbono e o aumento xeración renovábel. Nin o Goberno galego nin o español quixeron establecer un calendario de peche ambicioso e planificar con suficiente antelación unha transición xusta.

Nas últimas décadas, as térmicas de carbón contribuíron máis á emerxencia climática desde a nosa terra que calquera outra actividade. Mais desde 2019, por causa da forte caída na súa actividade, xa non ten sido así.

A acción máis eficaz para loitar contra a crise climática

Debido ás centrais de carbón, as emisións territoriais por habitante de gases causantes de cambio climático do noso país foron moi superiores á media das emisións do conxunto de España e da Unión Europea até 2018.

O abandono do carbón en Galicia axudará a combater o quecemento global, mellorará a calidade do aire, eliminará a deterioración socioambiental externa asociada á extracción do carbón importado e reducirá a dependencia enerxética.

Máis información:

Documentos

Plataforma Europe Beyond Coal