A xeración eléctrica con carbón caeu o 76,1% en Galicia durante 2019

Published by xose on


(24 de marzo de 2020) A produción das centrais de carbón galegas desplomouse en 2019, caendo até os 2.466 GWh, un mínimo histórico, segundo os datos avanzados por Rede Eléctrica de España (REE).

Malia este desplome, a electricidade xerada con carbón aínda representou o 10% de toda a producida en Galicia (1). Todo o carbón usado en Galicia é importado, extraído a miúdo á custa de serias violacións dos dereitos humanos.

O ano 2019 pasará á historia como o do comezo do fin do carbón no noso país. A central de Meirama (Naturgy) pechará no primeiro semestre deste ano. E a das Pontes (Endesa) farao no segundo semestre de 2021, sempre e cando se desbotar finalmente a opción da co-combustión de carbón e residuos orgánicos para lle dar continuidade. Ambas as dúas centrais xa teñen uns 40 anos de vida.

O gas natural substituíu o carbón

A brusca diminución da produción eléctrica con carbón rexistrada entre 2018 e 2019 foi compensada por un repunte da actividade das centrais de ciclo combinado a gas natural de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa). En 2019 xeraron 3.453 GWh (xigavatios hora), superando, por primeira vez desde que comezaron a operar en 2007, a produción das térmicas de carbón. Mesmo así, ficaron lonxe do seu máximo histórico (5.000 GWh en 2008).

As centrais de ciclo combinado a gas natural son menos intensivas en emisións de CO2 cás térmicas de carbón. Para xeraren unha mesma cantidade de electricidade, emiten unhas dúas veces e media menos CO2. Isto fai que o seu impacto negativo no clima sexa sensibelmente menor.

Porén, os ciclos combinados non deixan de ser centrais eléctricas insustentábeis de enerxía fósil. Por iso, desde a plataforma Galiza, un futuro sen carbón reclamamos o seu peche en 2030, a máis tardar.

Necesitamos máis enerxía renovábel

A participación das enerxías renovábeis (fundamentalmente eólica e hidroeléctrica) na xeración eléctrica galega aumentou 10 puntos, até representar un 65% do total en 2019, igualando o récord de 2010. Porén, descendeu en termos absolutos en máis de 1.000 GWh en comparación con 2018.

Despois de case unha década de estancamento (2), é necesario que volva medrar a potencia eléctrica renovábel. Se ben debería facerse de xeito moito máis distribuído, beneficioso para o rural e a maioría social e respectuoso coa natureza do que se ten feito até hoxe.

Unha vez abandonado totalmente o carbón, o que aínda non é seguro que aconteza nos próximos anos, necesitamos máis electricidade renovábel. Para que?. Para prescindirmos dos ciclos combinados e máis das centrais de coxeración que funcionan con gas natural ou con derivados do petróleo.

Alén de deixar de queimar combustíbeis fósiles para xerar electricidade, é preciso avanzar na electrificación (por exemplo, do transporte), algo imprescindíbel, en maior ou menor medida, no proceso de substitución de enerxías fósiles importadas por autóctonas renovábeis.

Segundo o Avanzo do Balanzo Enerxético de Galicia 2018, o 79% dos recursos enerxéticos (enerxía primaria) empregados no noso país son de orixe fósil. Do balanzo eléctrico, dedúcese que en 2019 o consumo de carbón terá baixado drasticamente, paralelamente ao aumento da demanda de gas natural.

A redución da produción e o consumo eléctricos tamén limitaron a queima de carbón

Loxicamente, a necesidade de aumentarmos a potencia eléctrica renovábel será menor canto máis se limitar ou decrecer o consumo enerxético interno e/ou a exportación neta de electricidade ao resto da Península Ibérica.

En 2019, diminuíron tanto as exportacións de electricidade como o consumo interno. O noso consumo eléctrico baixou de 20.163 a 18.351 GWh entre 2018 e 2019 (seguramente pola menor actividade da industria electrointensiva). E o saldo exportador pasou duns 11.000 a uns 6.500 GWh.

De non teren descendido o consumo e a exportación de electricidade e, por conseguinte, a produción eléctrica, a actividade das centrais de ciclo combinado e das térmicas de carbón (nos primeiros meses do ano nos que aínda eran competitivas) tería sido aínda maior. E consecuentemente tamén o impacto da súa contaminación e máis o da extracción fóra da nosa terra dos combustíbeis fósiles que empregan.

Caída das emisións de gases de invernadoiro

Todo o anterior fará que 2019 sexa un punto de inflexión no combate á mitigación da emerxencia climática desde Galicia. Aínda non se divulgaron os datos oficiais sobre as emisións de gases causantes de cambio climático das centrais de carbón durante o ano pasado, mais estimamos que ascenderon a uns 2,5 millóns de toneladas (3).

Cómpre lembrar que as centrais de carbón de Meirama e As Pontes foron responsábeis dun terzo das emisións totais de Galicia durante os últimos anos. E que estas son moi elevadas en termos relativos: 11,2 toneladas por habitante, fronte a 8,8 de media na UE e 7,7 de media en España (4).

As nosas emisións territoriais brutas de gases de invernadoiro durante 2019 serán seguramente as máis baixas de, cando menos, as tres últimas décadas.

O adeus ao carbón non é unha decisión do Goberno estatal

O forte descenso en 2019 da xeración con carbón, amais do seguro peche da central de Meirama e o posíbel da das Pontes (cando menos de dous dos seus catro grupos), non é consecuencia da política enerxética estatal. Débese principalmente á suba do prezo do dióxido de carbono CO2 no mercado europeo de emisións. Isto fixo que as centrais de carbón deixasen de ser competitivas fronte aos ciclos combinados.


A central de ciclo combinado (gas natural) das Pontes (á dereita da imaxe) está situada a carón da de carbón. Ambas as dúas son de Endesa.
Foto de La Voz de Galicia.

Na realidade, tanto a Xunta de Galicia como o Goberno de España, co apoio moi maioritario do Parlamento autonómico, están a respaldar a co-combustión de carbón e residuos orgánicos (aproximadamente ao 50%) como alternativa para a continuidade da central das Pontes máis alá de 2021.

Nas próximas semanas estaba prevista a realización de novas probas de co-combustión cuxos resultados levarán a Endesa a rexeitar ou a apostar pola opción de seguir queimando carbón pero misturado con residuos orgánicos. Unha opción insustentábel que rexeitamos frontalmente.

Notas

(1) Avance do Informe do Sistema Eléctrico Español 2019: https://www.ree.es/es/sala-de-prensa/actualidad/nota-de-prensa/2020/03/las-renovables-superan-ya-en-potencia-instalada-al-resto-de-fuentes-de-energia-en-la-peninsula

(2) Entre 2010 e 2018 a potencia eléctrica renovábel instalada en Galicia aumentou en 544 MW (megavatios), isto é, unha media de 60 MW/ano. En 2019, segundo REE, instaláronse 394 MW de nova potencia eólica e fotovoltaica.

3) Baseándonos na ratio de emisións por GWh xerado en 2018.

4) Datos referidos a 2017, o último ano con datos oficiais sobre as emisións totais para Galicia.