A decisión de Endesa de pechar a central de carbón das Pontes aínda non é firme

Published by xose on

(21 de xaneiro de 2020). Endesa presentou unha solicitude formal de peche da central de carbón importado das Pontes o pasado 27 de decembro. Mais contempla a posibilidade de desistir da mesma.

A razón que xustifica a solicitude de peche da maior fábrica de cambio climático da Península Ibérica, segundo expón Endesa neste comunicado, é “a profunda modificación das condicións de mercado (rexistrouse un incremento sustancial no prezo dos dereitos de CO2 e unha caída significativa do prezo do gas)”. Unha modificación que non foi capaz de prever cando decidiu reformar a central para prorrogar a súa vida cando menos até 2030.

Ante “a clara ausencia de perspectivas de mellora no futuro” para a xeración eléctrica con carbón, Endesa optou por pedir formalmente o peche da central das Pontes, xunto coa de Carboneras (Almería). 2022 sería o ano límite para a vida dunha central cuxas emisións de CO2 nas últimas catro décadas xeraron tanta ou máis crise climática que algúns países.

A caída da produción das térmicas de carbón en Galicia e no conxunto da UE durante 2019 foi o resultado de novas condicións de mercado. As renovábeis e o gas natural desprazaron boa parte da xeración eléctrica con carbón.
A posibilidade da co-combustión con residuos

Porén, Endesa resérvase o dereito de desestimento da súa solicitude, para todos ou para parte dos catro grupos que constitúen a central, a de maior potencia de España. Tal desestimento produciríase no caso de que, como resultado das probas adicionais de combustión  “con distintas mesclas de combustíbel” a realizar na próxima primavera, se considerase “viábel” a continuidade da central.

As probas xa realizadas de co-combustión de carbón e residuos orgánicos (como lamas de depuradora), cuxos resultados non se quixeron difundir publicamente, non foron “satisfactorias”, a xuízo de Endesa. E iso “tanto desde un punto de vista técnico e medioambiental como económico”.  

Mais a opción de queimar residuos orgánicos con carbón para conseguir unha redución contábel (máis que real)  das emisións de CO2 e así reducir custos por pagamento de dereitos de emisión, non está totalmente descartada.

A Vicepresidencia para a Transición Ecolóxica confía na co-combustión

Incinerar residuos orgánicos, presentados como “biocombustíbeis”, para seguir xerando máis electricidade sucia na térmica das Pontes, nin é propio da economía circular nin constitúe unha solución climática real. Mais é unha opción que conta co apoio explícito da Xunta de Galicia, do Concello das Pontes ou dos sindicatos CCOO, CIG e UGT. E á que ningún partido político en Galicia se ten oposto, da mesma forma que tampouco ningún fixo nada polo peche das nosas centrais de carbón.

Tamén o Ministerio para a Transición Ecolóxica de Teresa Ribera apoia esta “alternativa”. Nun comunicado divulgado o mesmo día en que Endesa anunciou a solicitude formal de peche, a agora Vicepresidencia declarou confiar “no resultado positivo das probas que permitirán manter activos dous grupos da planta con co-combustión de biomasa”.

Desde a plataforma Galiza, un futuro sen carbón seguiremos a presionar a favor do peche definitivo de todos os grupos da central térmica das Pontes. A transición ecolóxica real que a emerxencia climática reclama non inclúe a co-combustión de carbón e residuos orgánicos.