“Galiza, un futuro sen carbón” celebra a decisión de pechar a central térmica de Meirama

Published by xose on

(16 de xaneiro de 2018).  “Galiza, un futuro sen carbón” celebra o anuncio de Naturgy de solicitar o peche para antes do 30 de xuño de 2020 da central térmica de carbón de Meirama (Cerceda).

Trátase dun importante avance na transición cara a un sistema enerxético 100% renovable, cada vez máis urxente perante a situación de emerxencia climática global. A xuízo da plataforma, cómpre acompañar o peche de medidas xustas para as persoas traballadoras afectadas pola clausura dunha das industrias máis contaminantes da nosa terra.

Meirama e As Pontes causan un terzo das emisións galegas de gases de invernadoiro

O abandono rápido da produción eléctrica con carbón, responsable dun terzo das emisións galegas de gases causantes de cambio climático, é a mellor medida ao noso alcance para mitigar a crise climática. Emporiso, o Goberno estatal debería planificar acaídamente o peche, a máis tardar en 2025, de todas as centrais de carbón que aínda están en funcionamento. Peches anunciados con pouca anticipación como o efectuado por Naturgy dificultan unha transición xusta para os traballadores e traballadoras, que non deberían ser vítimas da necesaria transición enerxética, senón beneficiarse dela como toda a sociedade.

Acción de Greenpeace na torre de refrixeración da central de carbón de Meirama.

O peche da central de carbón de Meirama depois de 40 anos de actividade terá un impacto moi positivo sobre o clima e a saúde. Durante 2017 emitiu 2,4 millóns de toneladas de CO2, unha cantidade equivalente ao 40% das emisións anuais de gases de invernadoiro provocadas polo tráfico en Galicia (1). É a segunda industria con maiores emisións de CO2 de Galicia, despois da central de carbón das Pontes.

A reforma da central non tería reducido as emisións de CO2

A adaptación á nova normativa ambiental que entrará en vigor en 2020 non tería reducido  as emisións de CO2 causantes de cambio climático da central de Meirama. Si tería eliminado unha parte das súas cuantiosas emisións de gases e partículas tóxicas, responsables de 55 mortes anuais prematuras (2). Os custos sanitarios provocados pola contaminación tóxica da central de Meirama estimáronse en até 165 millóns de euros (3).

O peche de central térmica de Meirama, con 557 MW (megavatios) de potencia, suporá unha diminución do 28% na capacidade galega de produción eléctrica con carbón.

A potencia restante corresponde aos 1403 MW da central de carbón das Pontes, propiedade de ENDESA. Esta eléctrica mantén un compromiso firme coa fonte de produción eléctrica máis sucia, polo que decidiu prorrogar a vida da térmica das Pontes. A súa intención é que  funcione até 2045, reformándoa para recortar as súas emisións tóxicas (non as de CO2). En 2017 emitiu 8,1 millóns de toneladas de CO2, sendo a 19º industria de toda a UE con maior impacto climático.

“Galiza, Un Futuro sen Carbón” reclama  o peche planificado da térmica das Pontes antes do fin de 2025.

NOTAS

1. Segundo os máis recentes datos  do Ministerio para Transición Enerxética, o sector do transporte en Galicia emitiu 5.789.340 toneladas de gases de invernadoiro (expresados como CO2eq.) en 2016.

2. “Last Gasp: The coal companies making Europe sick” é un informe elaborado e impulsado por Europe Beyond Coal, Sandbag,Greenpeace o European Environmental Bureau.  A metodoloxía de impacto na saúde utilizada neste informe baséase nas recomendacións do proxecto “Riscos de saúde da contaminación do aire en Europa” (HRAPIE) da Organización Mundial da Saúde en Europa sobre avaliacións de impacto na saúde da contaminación do aire. Inclúe modelos atmosféricos co modelo informático do Centro Europeo de Monitoreo e Avaliación Meteorolóxica de Sintetización – Oeste (EMEP MSC-W). Este modelo tamén o emprega a Axencia Europea de Medio Ambiente para as avaliacións da Comisión Europea dos impactos na saúde da contaminación do aire en Europa. Este informe non tenta cuantificar todas as incidencias de saúde reais nin os seus custos reais.

3. Estes custos sanitarios derivan de 44 ingresos hospitalarios por síntomas respiratorios e cardiovasculares e da perda de 19.930 días de traballo.

Categories: Noticias