O Movemento Galego polo Clima tamén pide o peche da central de carbón das Pontes en 2021

Published by xose on

(19 de xuño de 2020). O Movemento Galego polo Clima, que convocou as históricas manifestacións en defensa do clima do 27 de setembro de 2019, pide aos partidos que concorren ás eleccións galegas do 12 de xullo o apoio á aceptación da solicitude de Endesa para o peche da central de carbón das Pontes no segundo semestre de 2021.

Nun Decálogo polo Clima que propón medidas concretas para a loita contra a emerxencia climática desde Galicia, o Movemento Galego polo Clima demanda que o sector eléctrico do noso país sexa 100% renovábel xa antes de 2030, “para o cal a Xunta apoiará o peche da central de carbón das Pontes en 2021 e promoverá posteriormente a clausura das dúas centrais de gas natural.”

Malia a forte caída da súa actividade, a central de carbón das Pontes volveu a ser en 2019 a industria galega con maiores emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal Gas de Efecto Invernadoiro (GEI).

A opción da co-combustión de carbón e residuos orgánicos, apoiada pola Xunta e polo Parlamento de Galicia para tentar garantir a viabilidade económica da térmica das Pontes, manteríaa como unha das nosas principais “fábricas de cambio climático”.

Reducir un 65% as emisións de GEI en 2030

O Movemento Galego polo Clima, do que fai parte a plataforma Un futuro sen carbón e a cuxo manifesto fundacional se sumaron unhas 85 entidades, reclama que Galicia asuma a súa responsabilidade na prevención dun quecemento global superior a 1,5ºC. Para iso, “cómpre reducir as nosas emisións de GEI en, polo menos, un 65% en 2030 con respecto a 1990, de cara a atinxir o obxectivo de emisións netas en 2040, a máis tardar. Estas metas recolleranse nunha Lei galega de Cambio Climático e Transición Enerxética”.

Na web do Movemento Galego polo Clima pódense ler as 10 medidas do Decálogo polo Clima para reducir as emisións galegas de GEI.

A plataforma Galiza, un futuro sen carbón tamén presentou aos partidos políticos as súas demandas a favor do peche inmediato da central de carbón das Pontes e dunha redución ambiciosa de todas as emisións.