Que din os programas electorais sobre o carbón?

Published by xose on

(18 de abril de 2019). Revisamos que din sobre as centrais de carbón os programas das candidaturas que concorren en Galicia ás eleccións xerais. O que limos gustounos moi pouco.

Os Reis Magos deberían traer o próximo ano moito carbón ás candidatas e candidatos galegos ás eleccións do 28 de abril ao Congreso e ao Senado. Aínda que, se cadra, alegraríanse de recibilo. Semella que lles gusta demasiado o carbón.  

Estamos nunha situación de auténtica emerxencia climática global non declarada. Esgótase o tempo para evitarmos unha mudanza climática catastrófica. Cómpre abandonar o antes posíbel os combustíbeis fósiles. Comezando polo carbón, o máis nocivo para o clima.

O carbón é a maior causa de cambio climático en Galicia

Galicia é un dos territorios europeos nos que a queima de carbón para xerar electricidade ten maior peso nas emisións totais de gases causantes do cambio climático.  Un terzo das emisións territoriais proceden das centrais de carbón!.

A central de carbón das Pontes seguirá a ser un enorme foco de dióxido de carbono após a súa reforma

E Galicia tamén é un dos países onde máis facilmente se podería deixar de usar carbón na xeración eléctrica. A capacidade de produción eléctrica renovábel xa existente, as dúas centrais de ciclo combinado e o excedente eléctrico fan innecesarias as térmicas de carbón. Desde hoxe mesmo, poderiamos garantir a nosa subministración eléctrica sen queimar máis carbón importado de Indonesia, Colombia ou Rusia.

Non ao peche da central de carbón das Pontes antes do fin de 2025

Pero, a pesar do anterior, ningún dos partidos que concorren ás próximas eleccións xerais na nosa terra defende o peche da central de carbón das Pontes en 2025, a máis tardar. É o que pedimos desde a plataforma Un futuro sen carbón, a nivel galego e español. 

En xeral, os partidos din que lles preocupa a crise climática. Entón, ¿por que non defenden o peche canto antes dunha das 20 maiores fábricas de cambio climático da UE?.

A das Pontes é a única central de carbón que seguirá funcionando en Galicia alén de 2020, despois do peche da de Meirama. Esta desmantelarase por vontade da súa propietaria, Naturgy. Os políticos e políticas galegas non fixeron nada para que pechase.

Coñece o que din os programas sobre o carbón

Fixemos un documento cunha síntese do que apuntan os diversos programas electorais sobre o carbón e a transición enerxética. Hai algunhas diferenzas entre eles. Pero todos coinciden en non comprometerse coa defensa dun calendario de peche obrigatorio das centrais de carbón. Nin sequera para máis alá de 2025.


1 Comment

Quen se compromete a defender no Europarlamento o peche da central de carbón das Pontes antes do fin de 2025? - Un futuro sen carbón · 23 Maio, 2019 at 9:55 p.m.

[…] revisamos o que dicían os programas partidarios verbo do carbón e a xeración de electricidade. O resultado da nosa análise foi desalentador. Ningunha candidatura se comprometeu a defender nas Cortes Xerais o peche da […]

Comments are closed.