Ningunha candidatura aclara se quere que a central de carbón das Pontes peche por fin este ano

Publicado por galiza sen carbón o

(20 de xullo de 2023). Nin PP, nin PSOE, nin BNG, nin Sumar, responderon á nosa pregunta sobre se queren ou non que cese definitivamente a actividade da central de carbón das Pontes en 2023. Unha oportunidade perdida para nos aclararen a súa posición sobre unha central eléctrica innecesaria e moi contaminante.

A través de cadanseus chíos en Twitter pedimos o pasado 13 de xullo ás principais candidaturas que concorren en Galicia ás eleccións xerais que respondesen simplemente si ou non á pregunta de se desexan o peche da térmica de carbón das Pontes en 2023. Unha semana despois seguimos sen recibir unha soa resposta.

O resultado desta iniciativa non parece sorprendente se temos en conta a traxectoria dos partidos políticos sobre esta cuestión. Con motivo das eleccións xerais de abril de 2019, a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” analizou os programas electorais en relación co papel do carbón no sistema eléctrico. Ningún partido político defendeu o peche da central de carbón das Pontes antes de 2025 durante a campaña das eleccións xerais de abril de 2019.

A central de carbón das Pontes aínda é unha grande fábrica de crise climática.

A pesar de que a súa actividade caeu nos últimos anos, a térmica de carbón das Pontes aínda é unha das maiores fábricas de cambio climático do noso país. En 2022 foi a terceira industria con maiores emisións de gases de invernadoiro, só por detrás da veciña central de gas fósil das Pontes, tamén propiedade de Endesa, e da refinaría de Repsol na Coruña.

 

O declive da central de carbón das Pontes non foi causado por unha decisión política do Goberno estatal senón por unha decisión de Endesa inducida pola suba do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións rexistrada a partir de 2019, que a fixo moi pouco competitiva, pois as centrais de carbón son as máis intensivas en CO2.

Xa en decembro de 2019 Endesa solicitou o peche desta central ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, que tardou nada menos que case tres anos en respondela, o que non é habitual. En setembro pasado o Goberno estatal  autorizou o peche inmediato de dous dos catro grupos da central e difeririu o dos outros dous sen unha xustificación convincente.

Nos seis primeiros meses de 2023 a térmica de carbón das Pontes achegou 281.394 MWh, o 2,3% do total da electricidade xerada en Galicia. Unha cantidade relativamente pequena pero suficiente xa para que se poida asegurar que esta central volverá figurar este ano entre as industrias galegas que máis contribúen ao quecemento global.

Incertidume sobre o peche en 2023

Segundo informacións recentes, a central de carbón das Pontes deixaría de funcionar en setembro ou nos seguintes meses, despois de esgotar o combustíbel almacenado, mais o resultado electoral do 23X, se levase a unha mudanza de goberno, podería talvez alterar esta previsión.

Aínda que o PP tampouco respondeu á nosa pregunta, é significativo que no debate electoral organizado pola TVG, o representante do PP, Miguel Tellado, lamentase de forma insistente o peche das centrais de carbón de Meirama (en 2020) e das Pontes, mesmo abrindo o seu “minuto de ouro” con esta cuestión. Neste debate o PP volveu acusar falsamente ao Goberno estatal duns peches (“vostedes levan sobre o seu lombos os peches destas centrais”) promovidos en realidade polas empresas propietarias das centrais por razóns de rendibilidade económica.

 

As candidaturas da esquerda representadas no debate da TVG sobre as eleccións xerais (PSOE, BNG, Sumar) non dixeron nada sobre a central de carbón das Pontes.