O peche da central de carbón das Pontes será un enorme avance na loita perante a emerxencia climática

Published by xose on

(1 de outubro de 2019). A plataforma “Galiza, Un futuro sen carbón” celebra o anuncio do posíbel peche da central de carbón de Endesa nas Pontes, unha das 20 maiores fábricas europeas de cambio climático. O cesamento da produción eléctrica con carbón nesta central provocará unha caída drástica das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro (GEI).

Endesa debe confirmar canto antes o calendario de peche definitivo, desestimar a reconversión da central de carbón nunha macroincineradora igualmente insustentábel e implicarse na xeración de alternativas de emprego sustentábel nas comarcas afectadas pola clausura da central.

O 27 de setembro foi un día histórico para a defensa do clima desde Galicia. Polas multitudinarias manifestacións con motivo da Folga Mundial polo Clima e pola decisión inesperada de Endesa de pechar axiña a central de carbón das Pontes.

2019 será seguramente o ano con menores emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros GEI en Galicia, polo menos desde 1990. O peche das centrais de carbón de Meirama e As Pontes, responsables do 35% das nosas emisións (1), é a medida máis eficaz nestes intres para recortar as emisións de GEI de Galicia, moi elevadas en termos per cápita (2). Sobre todo na medida en que a súa electricidade sexa substituída polo aforro enerxético e as renovábeis e non polo gas natural.

As emisións de CO2 da central de carbón das Pontes equivalen ás derivadas da queima de combustíbeis fósiles en países como Letonia ou Uruguai. Os datos refírense a 2016.
Un peche abrupto propiciado pola irresponsabilidade de Endesa e as institucións

O negacionismo da necesidade de pechar canto antes as centrais de carbón e a ilusión na posibilidade de alongar até ben entrado este século a vida da central das Pontes, compartidos por Endesa, institucións, partidos políticos e sindicatos (3), saldouse con máis crise climática e cunha decisión súbita de peche que complica a transición xusta.

Os que, desde hai 20 anos e até onte mesmo, malia as alertas climáticas, fixeron todo o posíbel para manter indefinidamente a actividade das centrais de carbón, e non quixeron nin souberon prepararse para o escenario actual, deberían facer hoxe todo o posíbel para minimizar e compensar o que de negativo teña o peche repentino da central de carbón. E comezar a tomar en serio dunha vez a loita contra a crise climática.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, culpa ao Goberno central do peche da térmica de carbón das Pontes, pero o certo é que España é o único estado de Europa occidental sen calendario oficial de peche das centrais de carbón (4). O Plan de Enerxía e Clima do Goberno de España só é superado en falta de ambición climática pola Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 da Xunta de Galicia.

Como a propia Endesa recoñece, no peche da central das Pontes resultou decisivo o aumento do prezo da tonelada de CO2 no mercado europeo de emisións. A cuxa creación en 2005 se opuxeron no seu día a Xunta e todos os partidos políticos daquela altura, precisamente polo seu temor a que prexudicase a actividade das centrais de carbón de Meirama e As Pontes, que tanto teñen defendido irresponsabelmente (5).

Desde a súa mesma creación, a finais de 2018, a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” ten proposto unha negociación entre Endesa, institucións e axentes sociais para acordar un calendario de peche rápido e planificado, acompañado con medidas de transición xusta para os traballadores e traballadoras (incluídos os camioneiros) e de xeración de alternativas económicas ecoloxicamente sustentábeis nas comarcas afectadas. O marco para o facer sería un Convenio de Transición Xusta, figura prevista xa no Marco Estratéxico de Enerxía e Clima do Goberno estatal.

A alternativa non é a queima de biomasa forestal e refugallos orgánicos

Desde a plataforma opómonos á reconversión da central de carbón nunha macroincineradora de residuos orgánicos e/ou de biomasa forestal. Non sería en absoluto unha alternativa sustentábel, pois xeraría máis crise climática e contaminación atmosférica e favorecería aínda máis a eucaliptización e a perda de biodiversidade.

A actividade da central de carbón das Pontes tivo tamén enormes custos territoriais externos. Xa desde a década de 1990 importou carbón de minas como esta, en Indonesia. Agora pasará a importar biomasa?.

Despois de nos querer vender unha “central eficiente e de baixas emisións”, agora queren facernos crer que a combustión a grande escala de refugallos orgánicos, se cadra en parte importados (como o carbón desde a década de 1990) sería un exemplo magnífico de economía circular, o máis recente eslogan sustentabilista. Economía circular de verdade é reciclar os refugallos orgánicos restituíndo os nutrientes aos solos. 

A central de ciclo combinado a gas natural das Pontes debe ter os anos contados

Por outro lado, cómpre lembrar que, a carón da central de carbón das Pontes, opera desde hai mais de 10 anos unha central de ciclo combinado a gas natural, tamén propiedade de Endesa. Menos contaminante e presentada no seu día como “a alternativa” á central de carbón das Pontes, a súa produción nos últimos meses ten medrado paralelamente á caída da produción con carbón. No horizonte de 2030, ou antes se for posíbel, está central tamén debería desconectarse, no marco da descarbonización total do sector eléctrico cara a un sistema 100% renovábel.

Notas

  1. Dato referido a 2017, último ano con datos oficiais para as emisións totais de Galicia. Dos 30.260.130 toneladas de GEI emitidas en Galicia, 10.498.200 procederon das centrais de carbón das Pontes e Meirama.
  2. En 2017, as emisións galegas de GEI ascenderon a 11,2 toneladas por habitante. Son superiores ás emisións medias da UE (8,8) e do Estado español (7,7).
  3. Até o ano pasado, Xunta, Parlamento de Galicia (sen votos en contra) ou Deputación da Coruña (por unanimidade) reivindicaban o alongamento da vida das centrais térmicas de carbón galegas mesmo até 2045. 
  4. https://beyond-coal.eu/share/.
  5. Ningunha institución ou forza política ten reivindicado nos últimos anos a necesidade e a urxencia dun peche rápido e planificado das centrais de carbón galegas. Por exemplo, nas pasadas eleccións xerais, nin unha soa candidatura defendeu un calendario de peche planificado e a curto prazo destas centrais. https://unfuturosencarbon.org/que-din-os-programas-electorais-sobre-o-carbon/.