Comeza o peche da central de carbón das Pontes

Published by xose on

(29 de xuño de 2021). A partir do 30 de xuño a central de carbón de Endesa nas Pontes pasará a situación de dispoñibilidade para o sistema eléctrico. Non se desconectará aínda da rede pero apenas funcionará. Isto supón o comezo do fin da que ten sido unha das maiores fábricas de crise climática de toda Europa. 

O cesamento practicamente total da actividade da maior central de carbón española, despois do peche da central de Meirama en 2020, é un enorme logro na loita contra a emerxencia climática global desde a nosa terra.

Até 2019, as emisións de dióxido de carbono (CO2) da térmica de carbón das Pontes, equivalentes ou superiores ás de moitos pequenos estados, representaban un 25% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro de Galicia .

Aínda en 2020, coa súa actividade xa moi reducida, a central de carbón de Endesa foi o maior foco emisor de gases causantes de cambio climático de Galicia, xunto coa fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa en San Cibrao, lanzando un millón de toneladas de CO2 á atmosfera (1).

O gas vai ser o novo carbón?

O abandono do carbón é un grande avance na transición enerxética pero non o seu fin.

A propia Endesa non deixará de producir electricidade sucia nas Pontes. A central de ciclo combinado con gas fósil situada á beira da de carbón, operativa desde 2008 pero con escasa actividade até o colapso do carbón, converterase nos próximos anos nunha das maiores fábricas galegas de crise climática.

O gas fósil non pode converterse no novo carbón, como está a acontecer. Se se compara a xeración eléctrica galega de 2020 coa de 2015, o gas cubriu un 20% da redución da produción con carbón. Unha porcentaxe que tería sido moito maior se 2020 tivese sido un ano con baixa xeración renovábel (por menores precipitacións e vento) e de non ter baixado moito o consumo eléctrico por causa da COVID-19 (2).

Leccións para o futuro

Coas centrais eléctricas de gas fósil das Pontes e de Sabón (Arteixo),  e cos outros grandes centros de transformación de enerxía fósil asentados no noso país, a refinaría da Coruña e a regasificadora de Mugardos, cómpre non repetir os mesmos erros que están a marcar negativamente o peche das centrais de carbón.

O negacionismo climático  da necesidade urxente de abandonar todos os combustibles fósiles (na xeración eléctrica xa antes de 2030), deixar totalmente en mans do mercado e do oligopolio enerxético as decisións sobre o momento dos (inevitables e desexables) peches, e renunciar desde os poderes públicos á planificación con suficiente anticipación dunha transición xusta para os traballadores e traballadoras e para as comunidades locais, son erros que non deberían repetirse no futuro.       

Notas

  1. A central de carbón das Pontes e Alcoa son os maiores emisores de CO2 en Galicia: https://unfuturosencarbon.org/a-central-de-carbon-das-pontes-e-alcoa-son-os-maiores-emisores-de-co2-en-galicia/
  2. Máis información en https://unfuturosencarbon.org/a-producion-electrica-con-carbon-baixou-o-455/