A eléctrica italiana Enel, propietaria de Endesa, non ve futuro no carbón máis alá de 2030

Published by xose on

(17 de maio de 2019). Endesa afirmou na súa Xunta de Accionistas de abril pasado que centrais de carbón como a das Pontes “poderían continuar abertas alén de 2030”. Porén, Enel respondeu ás ONGs presentes na súa Xunta de Accionistas celebrada onte en Roma que non ve futuro no carbón máis alá de 2030. Enel posúe un 70% das accións da empresa española privatizada na década de 1990.

O Instituto Internacional de Dereito e Medio Ambiente (IIDMA) -membro da plataforma Un futuro sen carbón-,  xunto á italiana Re:Common e a alemá Urgewald, cuestionaron na Xunta de Accionistas de Enel  o compromiso climático e o respecto aos dereitos humanos da súa estratexia de negocio.

Xunta de Accionistas de Enel celebrada o 16 de maio en Roma

O alongamento innecesario da vida de centrais térmicas de carbón como a das Pontes e a importación de carbón de zonas onde se están violando dereitos humanos, como Colombia e Rusia, puxeron unha vez máis ao accionista maioritario de Endesa no ollo do furacán.

Falta de compromiso cos dereitos humanos

A maioría das centrais de Endesa en España -incluída a das Pontes- queiman carbón importado. Endesa confirmou a IIDMA que dous dos estados de orixe do carbón son Colombia e Rusia.

Algúns dos seus principais provedores en Colombia foron requiridos pola xustiza polos danos da minería do carbón na poboación indíxena. Por outro lado, unha empresa rusa, a Siberian Business Union Coal (SDS), está implicada na vulneración de dereitos humanos. As ONGs pediron a Endesa que confirme se SDS é provedor das súas centrais.

Como se recolle no noso informe O prezo do carbón, Rusia e Colombia son, xunto a Indonesia, a orixe de case todo o carbón importado en Galicia para xerar electricidade.

Desde 2008 todo o carbón usado en Galicia para xerar electricidade é importado, maiormente desde Indonesia.
Falta de compromiso climático en España, Italia e Chile

Endesa, que forma parte do Grupo Enel, confirmou xa que pechará algunhas das súas centrais, como Teruel, Compostilla e Es Murterar (grupos 1 e 2). Sen embargo, mantén unha posición ambigua a respecto de dúas das centrais máis contaminantes de Europa: As Pontes e Litoral (Andalucía).

IIDMA, en nome da plataforma Un futuro sen carbón, preguntou na pasada Xunta de Accionistas da empresa española, o 12 de abril de 2019, polos plans da compañía para estas centrais. Endesa afirmou que as centrais poderían continuar abertas alén de 2030. De feito, o borrador do Plan de Enerxía e Clima (PNIEC) do Goberno español non estabelece un calendario de peche obrigatorio.

En Italia, en 2025, en España, sen data de peche

Pola contra, en Italia, Enel deberá garantir, por causa dun decreto gobernamental, que todas as súas centrais de carbón estean pechadas en 2025. Con todo, Enel está a pór atrancos ao Goberno italiano e iniciou accións xudiciais contra o decreto do Ministerio do Ambiente que implementaba o peche das centrais de carbón. O pasado 15 de maio anunciou que varias centrais de carbón italianas converteríanse a gas, mais continúa sen anunciar unha data clara para o abandono do carbón, nin confirmou que desistirá das accións xudiciais.

As ONGs tamén puxeron de relevo a ausencia de plans da empresa para o abandono do carbón en Chile, onde Enel posúe centrais de carbón.

Máis información: IIDMA.