O uso do carbón para a produción eléctrica cae a mínimos históricos en España

Published by xose on

(13 de xullo de 2019). Maio e xuño foron os meses con menor participación das centrais térmicas de carbón na produción eléctrica española desde que hai rexistros fiábeis.

A central de carbón máis potente e con maiores emisións de CO2 causantes de cambio climático, a de Endesa nas Pontes, leva parada semanas enteiras desde o mes de abril. Un feito sen precedentes.

Por que este descenso tan acusado da produción das centrais eléctricas máis contaminantes?.

A conxuntura actual dos prezos do CO2 e do gas natural explican a baixada brusca da achega do carbón á xeración eléctrica en Galicia e en España. As eléctricas teñen que pagar un prezo polas súas emisións de CO2, que vén determinado por un mercado regulado a escala da UE. Este penaliza sobre todo as centrais de carbón, ao seren as máis intensivas en emisións de CO2. Este factor, unido ao abaratamento do gas natural, fai que a xeración eléctrica das centrais de carbón estea a ser desprazada pola proporcionada con gas natural.

O que ten acontecido con moita maior frecuencia até agora é a situación inversa: prezos  baixos do CO2 e relativamente altos do gas natural. Por iso, centrais de ciclo combinado a gas natural como as de Sabón (Arteixo) e As Pontes -situada a carón da de carbón – estiveron moi infrautilizadas desde a súa entrada en funcionamento en 2007.

O desprazamento da xeración eléctrica con carbón favoreceu a diminución, en máis dun 10%, das emisións de gases causantes de cambio climático do sector eléctrico español durante o primeiro semestre de 2019, en comparación con 2018.

A caída na xeración eléctrica con carbón contribuíu a diminuír a pegada de carbono da electricidade producida no Estado español durante o primeiro semestre de 2019.
A central de carbón das Pontes vai funcionar “moitos anos”, segundo o Goberno.

O desplome da actividade da central de carbón das Pontes levou a un parón no transporte do carbón importado entre o porto de Ferrol e a térmica. Os transportistas afectados acudiron cos seus camións a Madrid para protestaren diante do Goberno central. O secretario de estado de Enerxía en funcións tranquilizounos asegurando que a central “vai funcionar moitos anos”.

Como consecuencia da presión dos transportistas de carbón que traballan para Endesa, crearase unha comisión para abordar o “problema” do parón da central de carbón das Pontes. Porén, a negociación do peche planificado desta enorme fábrica de cambio climático, no marco dunha transición xusta, está fóra da axenda gobernamental, malia a emerxencia climática. 

A proposta do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) do Goberno estatal non inclúe un calendario de peche obrigatorio das centrais de carbón. Tampouco prevé que Endesa decida pechar a central das Pontes antes do fin de 2025. Aínda que si considera probábel que estea pechada por falta de rendibilidade, cando menos parcialmente (consta de catro grupos), arredor de 2030. A pretensión de Endesa e das institucións galegas é prorrogar a súa vida útil até nada menos que 2045.


Deixa unha resposta